Historia

Historia

ShareThis

Fai décadas, a atención asistencial das persoas con enfermidade mental recaía nos seus familiares máis próximos, mentres que os casos máis extremos terminaban de forma inadecuada, co internamento en hospitais psiquiátricos nos que o tratamento e a atención eran funestos.
 
Esta situación comezou a cambiar na década dos oitenta, coa aparición dun movemento social favorable á reforma psiquiátrica, que culminou coa aprobación en 1986 da Lei Xeral de Sanidade, unha norma orientada a acabar co ostracismo sufrido polas persoas con enfermidade mental ao longo dos anos.

Xusto neste momento de reforma, xorde o movemento asociativo. Pronto nacen en Galicia dous colectivos que loitarán pola defensa dos dereitos das persoas con enfermidade mental. As pioneiras foron a Asociación Pro Enfermos Mentais (Apem), xurdida en 1980 na Coruña, e a Asociación de Axuda ao Enfermo Psíquico, creada en Vigo en 1987.

Movemiento asociativo en Galicia

Xa nos anos noventa, xeneralízase o movemento asociativo en toda a comunidade galega. Nesta década xurdiron as seguintes asociacións:
 
- Asociación Prol Saúde Mental Lar, creada en 1990 en Vilagarcía de Arousa.

- En 1994 nacen a Asociación de Familiares de Enfermos Mentais Morea (Ourense), a Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais (Santiago de Compostela) e a Asociación Pro Saúde Mental A Creba (Noia).

- En 1995, comezan a traballar a Asociación de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais Porta Nova (Ferrol), Asociación de Axuda ao Enfermo Psíquico Lenda (Redondela), e a Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais Alume (Lugo).

- En 1997 aparece a Asociación de Axuda a Enfermos Psíquicos de Pontevedra Alba e a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental Avelaíña (A Guarda).

- Posteriormente, xorden novos colectivos como a Asociación Monfortina de Apoio aos Enfermos Mentais Albores (Monforte de Lemos), a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña (Burela) en 1999 e a Asociación Bergantiñán de Familiares, Amigos e Enfermos Mentais.

1995, o nacemento de Feafes Galicia

Como punto decisivo deste proceso créase en 1995 Feafes Galicia, que xorde como foro de encontro, debate, reflexión e acción, que permite avanzar no proceso de normalización da enfermidade mental en Galicia.