Enfermidades mentais máis frecuentes
Esquizofrenia
Trátase dunha enfermidade grave, que afecta ao 1% da poboación. Na práctica supón un conxunto variado de problemas emocionais e persoais, e a súa manifestación é diferente en cada unha das persoas. A característica principal é que a persoa que sofre esquizofrenia experimenta unha grave distorsión entre os seus pensamentos e emocións.
É frecuente que a persoa oia ou vexa cousas que non existen, se aisle da súa contorna, descoide o seu aspecto, os seus quefaceres ou crea cousas que non son verdade.
Tipos de esquizofrenia:
- Paranoide: Os síntomas son alucinacións e delirios
- Desorganizada: Predominan as alteracións do estado de ánimo.
- Catatónica: Predominan os trastornos motores
- Indiferenciada: Existen síntomas de varios tipos, aínda que ningún é o predominante.
- Residual: Síntomas atenuados, cando a enfermidade é crónica
Trastornos do estado de ánimo
Os trastornos do estado de ánimo teñen como característica principal a alteración do humor. Os máis importantes son dous:
- Trastornos depresivos: Son un grupo de trastornos mentais que se caracterizan por presentar un conxunto de síntomas entre os que destacan a tristeza, desesperanza, inhibición e a hipoactividade. A síndrome varía moito dunha persoa a outra en función das súas causas, evolución e da intensidade.
- Trastorno bipolar: Caracterízase por combinar períodos de moita exaltación (maníacos) con outros de total abatemento (depresivos). A duración de cada fase é variable en cada persoa e a persoa con trastorno bipolar non pasa toda a súa vida dun período a outro, senón que hai fases nas que o estado de ánimo vaise normalizando e os síntomas da enfermidade desaparecen practicamente por completo.
Trastornos da personalidade
Estes trastornos caracterízanse porque a persoa presenta unha forma de sentir e de comportarse que se apartan moito do socialmente aceptado, como poden ser condutas violentas, inestabilidade ou grandes dificultades para relacionarse.
Hai moitos tipos, entre os que destacan:
- Paranoide: A persoa ten desconfianza e sospeitas e pensa que a xente que a rodea fai as cousas con maldade.
- Esquizoide: A persoa presenta indiferenza polas relacións sociais e baixa expresión das emocións. Sempre escolle actividades solitarias, nada lle agrada e danlle igual tanto as críticas como os eloxios.
- Esquizotípico: Aparecen malas relacións interpersoais íntimas, cre que todo ten relación coa súa persoa e pensamento máxico.
- Límite: A persoa presenta inestabilidade nas relacións cos demais, na autoimaxe e no control dos impulsos. Mostra unha ira non apropiada e intensa ante acontecementos leves.
Trastornos de ansiedade
Son trastornos nos que predomina o medo e a inseguridade de forma crónica. Poden ser de dous tipos:
- Fóbicos: A persoa experimenta un medo irracional e desproporcionado ante obxectos ou situacións que normalmente non deben producir esta sensación.
- Obsesivo-compulsivos: A persoa ten pensamentos moi persistentes, dos que é consciente e recoñece como absurdos, pero que non pode evitar.
Outras enfermidades mentais son os trastornos do soño, trastornos sexuais, trastornos da conduta alimentaria, trastornos cognoscitivos, etc.







