Qué facer ante unha enfermidade mental?
Podo ter eu unha enfermidade mental?
Todos temos probabilidades de padecer unha enfermidade mental, do mesmo xeito que ocorre con moitos outros tipos de enfermidades. De feito, unha de cada catro persoas sofre un trastorno mental ao longo da vida. Aínda que teoricamente poida haber persoas con máis predisposición xenética que outras a padecelos, os factores ambientais poden afectar de forma determinante na aparición de trastornos mentais, co que todos estamos expostos a iso.
Aínda que seguro que todos nalgún momento da nosa vida experimentamos sentimentos de tristeza, ansiedade, insomnio, etc., cabe destacar que estes síntomas consideraranse soamente un trastorno mental cando provoquen un comportamento social desaxustado (é dicir, unha deterioración significativa social, laboral ou doutras áreas importantes da actividade do individuo), causen un importante malestar subxectivo e sexan persistentes no tempo.
Como detectar a enfermidade?
As persoas que sofren enfermidade mental enfróntanse a dificultades para levar unha vida totalmente independente. A manifestación da enfermidade é diferente en cada unha das persoas, aínda que poden darse unha serie de problemas comúns:
- Anomalías na forma de transmitir os seus sentimentos
- Complicacións á hora de comunicarse coa súa contorna: usan palabras novas, tatexan ou alteran a orde das palabras nunha frase
- Cambios na conduta
- Anomalías na forma de pensar e na conciencia da realidade
A enfermidade mental é crónica cando a persoa que a sofre atopa dificultades para realizar unha vida totalmente independente. En xeral, fálase de enfermidade mental crónica cando a persoa recibe un diagnóstico psiquiátrico grave; cando o problema é de longa duración e cando a persoa ten problemas para funcionar de forma adecuada na súa contorna.
Que debo facer ante a sospeita de ter unha enfermidade mental?
Ante os primeiros indicios de que unha persoa poida ter unha enfermidade mental, os equipos de Atención Primaria son o servizo sanitario máis accesible, próximo e coñecedor da situación do paciente. O médico de cabeceira é a porta de entrada ao sistema sanitario e é o lugar onde deben acudir en primeiro lugar os pacientes e os seus familiares.
Podes pedir a túa cita en Atención Primaria picando aquí.
A asistencia sanitaria é un servizo público e gratuíto, que está a disposición de toda a poboación. Ante calquera síntoma, débese acudir ao centro de saúde máis próximo para consultar ao médico de cabeceira. De ser necesario, daranche cita cun especialista. De feito, a prevención e a atención precoz é clave para a saúde mental.
Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), integrar a saúde mental na Atención Primaria é o xeito máis viable de asegurar que as persoas teñen acceso á atención que precisan para a súa saúde mental. Desta forma, as persoas poden acceder aos servizos de saúde mental máis próximos aos seus fogares.
É necesario destacar que soamente os médicos poden facer un diagnóstico dunha enfermidade mental. Unha vez que o profesional ditaminou a existencia dunha enfermidade mental, o paciente e os seus achegados deben saber que hoxe en día existe unha oportunidade real de recuperación para moitos casos de trastorno psiquiátrico. Existe unha gran variedade de tratamentos dispoñibles para cada caso en particular que inclúen fármacos modernos con moitos menos efectos secundarios dos que tiñan os fármacos antigos. Estes novos fármacos poden controlar os teus síntomas e mellorar notablemente a túa calidade de vida. No proceso de rehabilitación, tamén xoga un papel moi importante a atención psicolóxica e comunitaria.







