Como levar unha vida normalizada?
As enfermidades mentais cúranse?
As enfermidades mentais poden curarse ou controlarse cun tratamento axeitado. Ata fai só unhas décadas, moitas persoas afectadas por enfermidades mentais pasaban a maior parte da súa vida ingresadas en centros asilares ou encerrados nas súas casas. Actualmente a maioría dos pacientes son tratados, a maior parte do tempo, no ámbito comunitario, e adoitan integrarse na sociedade, grazas a un cambio de mentalidade e aos avances conseguidos en tratamentos.
Os tratamentos poden ser distintos, segundo o tipo de enfermidade, e adóitanse deseñar intervencións personalizadas para cada caso. Frecuentemente realízase combinando o tratamento farmacolóxico con medidas de rehabilitación sociolaboral, psicoterapias e apoio familiar. O apoio psicoterapeútico é importante para afrontar os efectos da enfermidade na súa vida social, familiar e profesional. Utilízanse tratamentos psicosociais especializados como son: programas de rehabilitación, actividades ocupacionais, terapias conductuais e de comportamento social, psicoeducación dos afectados e as súas familias, etc.
Cabe destacar aquí que un importante número de persoas seguen sufrindo unha enfermidade mental e non acoden a recibir tratamento por mor da estigmatización que existe sobre este tipo de enfermidades.
Pode unha persoa con enfermidade mental levar unha vida normalizada?
Pode e debería poder levala. Pode levala porque co tratamento médico e farmacolóxico adecuado e coa contorna social e familiar favorable, unha persoa con enfermidade mental deixa de ter as limitacións que pode supor a enfermidade, co que ten as mesmas capacidades que todos para estudar, traballar, coidar fillos, etc.
E debería poder levala, posto que todos temos o mesmo dereito a un traballo e unha vida normalizada, aínda que frecuentemente os prexuízos que lamentablemente aínda existen na sociedade impídenlles gozar e exercer todos os seus dereitos.
É certo que as enfermidades mentais conducen a actos violentos?
Non. A idea de que a enfermidade mental esta intimamente relacionada coa violencia non ten base científica.
Non se pode dicir que as persoas con enfermidades mentais sexan máis agresivas nin teñan máis probabilidades de cometer actos violentos nin delituosos que aquelas sen enfermidade mental. As persoas afectadas por unha enfermidade mental rara vez son perigosas para a sociedade en xeral. Soamente algúns trastornos mentais poden desenvolver en certos episodios condutas agresivas cara a un mesmo ou cara á contorna familiar cando a persoa que o padece non está baixo tratamento.
En realidade, é máis probable que as persoas con enfermidade mental sexan vítimas de abusos e malos tratos, e vexan vulnerados os seus dereitos. O tratamento adecuado desta enfermidade e dos seus síntomas reduce ao mínimo este tipo de perigos.
Cal é o papel da familia no tratamento dunha enfermidade mental?
A familia é un elemento clave para axudar á persoa coa enfermidade a seguir o tratamento proposto polo especialista, por exemplo contrarrestando a tendencia que adoitan ter as persoas afectadas de esquizofrenia a abandonar o tratamento farmacolóxico ou facendo un seguimento dos reeducados hábitos alimentarios de persoas afectadas de anorexia. Para iso é moi importante que tamén a familia reciba apoio, asesoramento e información por parte dos profesionais e os servizos sanitarios e sociais.







