Servizos para persoas con enfermidade mental e familias
Información e asesoramento personalizados
Feafes Galicia proporciona ás persoas con enfermidade mental e as súas familiares información e asesoramento sobre saúde mental, recursos e servizos que lles poidan resultar de utilidade. Os nosos profesionais ofrecen atención individualizada e personalizada. Ademais, dispomos dun servizo de asesoramento xurídico para orientar en asuntos legais relacionados coa enfermidade mental: pensións, herdanzas, incapacitaciones, problemas penais, laborais, etcétera. Así mesmo, prestamos atención temperá a familiares de persoas con enfermidade mental de diagnóstico recente. O obxectivo é facilitarlles o manexo das dificultades derivadas da nova situación familiar a través de asesoramento, formación sobre a enfermidade mental, información sobre recursos e apoio emocional. Tan só é necesario que che poñas en contacto connosco e darémosche unha primeira cita para poder axudarche.
Centros de rehabilitación psicosocial e laboral
Os centros de rehabilitación psicosocial e laboral prestan unha atención diúrna, global e multidisciplinar ás persoas con enfermidade mental crónica. Estes centros teñen como obxectivo manter á persoa con enfermidade mental na súa contorna, promovendo e apoiando a súa integración psicosocial, para que desenvolvan unha maior autonomía e independencia. Máis en concreto, desenvolven as seguintes actividades: adestramento en habilidades sociais, adestramento en actividades da vida diaria, actividades de lecer, psicoeducación, prevención das recaídas, actividade prelaboral, e terapia ocupacional. Entre as súas funcións tamén está o apoio ás familias, favorecendo as súas capacidades e recursos de adaptación á enfermidade.
Apoio a familiares
A través das Escolas de Familias, prestamos apoio e formación psicoeducativa co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e os seus familiares. Os grupos de autoaxuda son un recurso útil para que as familias dispoñan de momentos para compartir experiencias e sentir que non están sos. Supón un espazo diferente no que a familia é protagonista, ofrécese a posibilidade da aprendizaxe mutua e refórzase a cohesión e o sentimento de apoio.
Vivenda
Para as persoas con enfermidade mental que non teñen posibilidade de convivir cos seus familiares ou de xeito independente, existen dúas alternativas de vivenda protexida: os pisos tutelados e as minirresidencias. En ambos os dous casos, están atendidos por persoal especializado.
Formación e emprego
En Feafes Galicia ofrecemos información, asesoramento e apoio á inserción laboral traballando como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia desde 2002. Para iso, contamos co Observatorio de Emprego para Persoas con Enfermidade Mental (OEDEM), que ten como misión facilitar a inserción laboral a través de accións de información, orientación, cursos de formación, prospección e intermediación laboral coas empresas e apoio para a consecución e o mantemento do posto de traballo.
Ademais, dispomos de centros ocupacionais, un servizo social para o desenvolvemento das persoas con enfermidade mental en orde a lograr, dentro das posibilidades de cada un, a superación dos obstáculos que a enfermidade supón para a integración social. Nestes centros realízase terapia ocupacional e actividades para elaborar produtos ou servizos baixo a orientación de persoal técnico. Ademais, realízanse servizos de axuste persoal e social, para lograr que as persoas con enfermidade mental teñan unha maior habilitación persoal e unha mellor adaptación na súa relación social. O obxectivo é lograr a futura integración destas persoas nunha empresa ou un centro especial de emprego.
Tamén contamos con centros especiais de emprego, coa mesma estrutura e organización que unha empresa, onde as persoas con enfermidade mental teñen un posto de traballo produtivo e remunerado, axeitado ás súas características persoais e que lle axude á súa integración laboral no mercado de traballo.
Doutra banda, temos un programa para a inserción laboral de reclusos en terceiro grao e ex reclusos que presentan unha enfermidade mental, de aplicación en toda Galicia.
Ocio e Deportes
Para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental, é fundamental que se integren plenamente na sociedade. As actividades para goce do tempo libre organizadas por Feafes permiten mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias. Así, os participantes nas actividades rompen coa rutina diaria, realizan actividade física desde unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permite un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores. Ao longo do ano, o Servizo de Lecer e Deportes organiza estancias nunha casa vacacional, viaxes, programas de actividades culturais e programas deportivos. Ademais contamos con grupos de lecer que ao longo do ano realizan actividades lúdicas en distintas localidades de Galicia.
Respiro familiar
Os familiares e coidadores de persoas con enfermidade mental dedican gran parte do seu tempo ao coidado das mesmas. Por ese motivo, en Feafes Galicia organizamos actividades de lecer e deportes para as persoas con enfermidade mental, o que permite aos familiares e coidadores ter tempo libre, coa tranquilidade de saber que os seus familiares están gozando dunha actividade lúdica, acompañados en todo momento por monitores especializados.
Atención a persoas con enfermidade mental en prisión
A nosa organización traballa nos cinco centros penais de Galicia co Protocolo de Atención Integral ao Enfermo Mental (Paiem). Esta iniciativa ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos internos e reclusos en terceiro grao con enfermidade mental, aumentando a súa autonomía persoal, a súa adaptación á contorna e potenciando as súas capacidades. Para conseguilo, realizan sesións terapéuticas e actividades educativas, formativas e deportivas, coordinadas por un equipo multidisciplinar, que realiza seguimento médico e psicolóxico, do que tamén forman parte profesionais de Feafes Galicia. Ademais, este programa ten como obxectivo lograr a reinserción social dos reclusos. Para iso, é imprescindible que teñan unha continuidade de coidados na rede de atención sociosanitaria comunitaria. Para completar a integración na sociedade, puxemos en marcha un programa para a incorporación ao mundo laboral de internos en terceiro grao e ex reclusos. Así mesmo, as familias dos internos tamén reciben apoio psicolóxico e formación.







