Representación e defensa dos dereitos

ShareThis

Comité de Persoas con Enfermidade Mental

No ano 2012, FEAFES Galicia creou un Comité de Persoas con Enfermidade Mental formado por usuarios da entidade que ten como obxectivo dar voz propia ás persoas que padecen trastornos mentais e facelos partícipes das decisións da entidade. Así creouse un marco de diálogo e debate para este colectivo enfocado á consecución de acordos concretos e que funciona como órgano asesor da Xunta Directiva.

FEAFES Galicia pretende que este comité convértase nun foro de ideas dende o cal se deseñen vías de solución. Este órgano tamén permite que se intercambien experiencias entre as distintas asociacións e, sobre todo, que os usuarios sexan unha parte activa na toma de decisións da entidade. A través dunha serie de reunións periódicas, os membros do comité tratan temas que lles afectan como a mellora da atención socio-sanitaria ó colectivo, a formación como medio facilitador da inserción laboral ou as posibles accións de loita contra o estigma, entre outros.

Campañas de sensibilización e loita contra o estigma

A loita contra o estigma e os prexuízos existentes acerca das enfermidades mentais segue sendo un dos principais retos pendentes da sociedade actual, a pesar de que se calcula que unha de cada catro persoas sufrirá algún tipo de trastorno psíquico ao longo da súa vida. Por ese motivo, en FEAFES Galicia traballamos a diario para erradicar a imaxe equivocada que existe sobre as persoas con enfermidade mental. Pretendemos mellorar a percepción social das persoas con enfermidade mental e as súas familias e ofrecer unha imaxe de integración na sociedade. Para iso, facemos campañas de sensibilización e loita antiestigma.

Protección da imaxe das persoas con enfermidade mental

FEAFES Galicia conta cun departamento de comunicación, responsable de difundir unha imaxe positiva das persoas con enfermidade mental entre a sociedade. Para iso, estamos en contacto cos medios de comunicación, elaboramos publicacións, material divulgativo e difundimos as nosas mensaxes a través das redes sociais. Ademais tratamos de sensibilizar aos xornalistas a través da nosa guía de estilo ‘Saúde Mental e Medios de Comunicación’.

A desinformación e a falta de coñecemento sobre as distintas enfermidades mentais producen que en moitas ocasións a sociedade discrimine e rexeite aos afectados por este tipo de trastornos. A miúdo de forma inconsciente, os medios de comunicación perpetúan as falsas crenzas e estereotipos sobre as persoas con problemas de saúde mental. Por ese motivo, desde FEAFES Galicia aproveitamos todos os medios ao noso alcance para protexer a imaxe das persoas con enfermidade mental, erradicar ideas equivocadas e difundir unha imaxe positiva.

Reivindicación de dereitos e recursos

As lexislacións galega e española equiparan desde fai anos os dereitos das persoas con enfermidade mental aos doutros pacientes e especifican os recursos necesarios para realizar unha adecuada atención no ámbito da saúde mental. En concreto, a normativa sinala que a atención realizarase no ámbito comunitario, potenciando os recursos asistenciais a nivel ambulatorio e os sistemas de hospitalización parcial e atención a domicilio, que reduzan ao máximo posible a necesidade de hospitalización. Ademais, a lei recolle que se desenvolverán os servizos de rehabilitación e reinserción social necesarios para unha adecuada atención integral dos problemas da persoa con enfermidade mental, buscando a necesaria coordinación cos servizos sociais.

Con todo, a día de hoxe aínda existe unha importante falta de medios materiais e profesionais para esa correcta atención. Esa é a razón pola que en FEAFES Galicia defendemos os dereitos das persoas con enfermidade mental e reivindicamos que dispoñan dos recursos necesarios.