Representación e defensa dos dereitos

ShareThis

Campañas de sensibilización e loita contra o estigma

A loita contra o estigma e os prexuízos existentes acerca das enfermidades mentais segue sendo un dos principais retos pendentes da sociedade actual, a pesar de que se calcula que unha de cada catro persoas sufrirá algún tipo de trastorno psíquico ao longo da súa vida. Por ese motivo, en Feafes Galicia traballamos a diario para erradicar a imaxe equivocada que existe sobre as persoas con enfermidade mental. Pretendemos mellorar a percepción social das persoas con enfermidade mental e as súas familias e ofrecer unha imaxe de integración na sociedade. Para iso, facemos campañas de sensibilización e loita antiestigma.

Protección da imaxe das persoas con enfermidade mental

Feafes Galicia conta cun departamento de comunicación, responsable de difundir unha imaxe positiva das persoas con enfermidade mental entre a sociedade. Para iso, estamos en contacto cos medios de comunicación, elaboramos publicacións, material divulgativo e difundimos as nosas mensaxes a través das redes sociais. Ademais tratamos de sensibilizar aos xornalistas a través da nosa guía de estilo ‘Saúde Mental e Medios de Comunicación’. A desinformación e a falta de coñecemento sobre as distintas enfermidades mentais producen que en moitas ocasións a sociedade discrimine e rexeite aos afectados por este tipo de trastornos. A miúdo de forma inconsciente, os medios de comunicación perpetúan as falsas crenzas e estereotipos sobre as persoas con problemas de saúde mental. Por ese motivo, desde Feafes Galicia aproveitamos todos os medios ao noso alcance para protexer a imaxe das persoas con enfermidade mental, erradicar ideas equivocadas e difundir unha imaxe positiva.

Reivindicación de dereitos e recursos

As lexislacións galega e española equiparan desde fai anos os dereitos das persoas con enfermidade mental aos doutros pacientes e especifican os recursos necesarios para realizar unha adecuada atención no ámbito da saúde mental. En concreto, a normativa sinala que a atención realizarase no ámbito comunitario, potenciando os recursos asistenciais a nivel ambulatorio e os sistemas de hospitalización parcial e atención a domicilio, que reduzan ao máximo posible a necesidade de hospitalización. Ademais, a lei recolle que se desenvolverán os servizos de rehabilitación e reinserción social necesarios para unha adecuada atención integral dos problemas da persoa con enfermidade mental, buscando a necesaria coordinación cos servizos sociais.

Con todo, a día de hoxe aínda existe unha importante falta de medios materiais e profesionais para esa correcta atención. Esa é a razón pola que en Feafes Galicia defendemos os dereitos das persoas con enfermidade mental e reivindicamos que dispoñan dos recursos necesarios.